A Cidade Maldita
- Skale Saverhagem
- Apr 9, 2003
- 14 min read
Updated: Nov 13, 2024
Deixamos a Attley e máis Selfi vagando polo deserto que as separa da Torre Tarolisk para ver cómo andan Kou, Skale e Kewne no seu percorrido polas montañas do Oeste. Agora están perante un grande bosque situado nalgunha parte do cumio dalgunha das montañas.
– Ben, vexamos; atravesando este bosque estaremos xa en terras occidentais e, polo tanto, bastante preto da famosa coviña...
– ¿Ti cres, Skale?
– ¡Por suposto, non o dubides nin un segundo! O meu olfacto de lobo nunca falla...
– Moi ben, pois logo, ¡imos!
Kou e Skale adentráronse no frondoso bosque coa esperanza de chegaren o antes posible a terras occidentais. Por suposto, a uns poucos quilómetros de distancia, Ghosh e máis Dydra seguían a pegada de Kou. No interior do bosque a vexetación era bastante espesa. Skale, guiado polo seu olfacto, estaba a abrir camiño para Kewne e Kou, que o seguían de preto para non perderse. Kou levaba o Nigro Henker na súa bolsa de coiro, na que tamén levaba algunhas pedras de invocación con algunhas bestas que pechara cando fora ó cumio da Torre de Monsbaiya onde se atopou por primeira vez con Beldo, dalquela vivo.
Nisto, Skale parouse de golpe, o que fixo que Kou batese con el e Kewne... non, por ir voando, pero case. Cando Kou se houbo reposto do golpe, Skale dixo en voz baixa:
– ¡Shhh...! ¡Penso que temos compaña...!
– ¿Compaña?
De súpeto, nun arbusto non moi afastado, algo comezou a axitarse, facendo que as pólas do arbusto delatasen a súa presencia. Nada máis oílo, Skale deuse a volta mirando cara o arbusto que se movera e foi entón cando un grupo de bechos verdes de estatura bastante curta saíu dos arbustos que había ó seu redor e rodearon ó grupo portador no Nigro Henker.
– ¡¿Pero que carallo son estes bechos?!
– Creo que non os vin nunca na Torre; e iso que alí hai cada becho...
– Oes, ¿ti non tiñas un libriño de monstros? ¡Pois mira a ver que son!
– Isto... lévalo ti, Skale, ¿lembras?
– ¡Ah, si, é certo! Sacareino...
Skale sacou o libro e foi buscando polas páxinas mentras Kewne intentaba conte-las estrañas criaturas con pequenas labaradas e Kou coa súa espada ó mesmo tempo.
– ¡A ver, Skale, apura!
Kou deixou cae-la bolsa de coiro por accidente e un dos monstros que estaban máis preto devorouna dun bocado, deixándoos sen herbas medicinais, sen comida, sen pedras de invocación e... sen Nigro Henker.
– ¡¡¡Skale, bule!!! ¡Un destes bechos papou o Nigro Henker!
Ao momento, Skale saltou cunha valiosa información sobre esas bestas sacada do libro de Kou:
– ¡Aquí está! Estes bechos chámanse eaters e son pequenos seres verdes nos que a boca ocupa practicamente o 92% do seu ser e teñen un aparato dixestivo capaz de dixerir bloques de ferro en poucos segundos...
– ¡¿E que di o libro sobre o seu punto débil?!
– Imos ver... ¡Aquí pon que odian o lume e fuxen cando ven un incendio!
– ¡Home, pois que ben! ¡Veña Kewne, xa sabe-lo que toca!
Kewne puido lanzar un potente disparo vermello cara unha matogueira que estaba preto deles. Ó ve-la matogueira en chamas, os eaters asustáronse e fuxiron dando chimpos.
– Parece que funcionou, ¿non Kewne?
– ¡Que va, Kou! Mira, aló hai un que quedou rezagado...
Kou e Kewne achegáronse a el e, polo seu aspecto e a súa cara, deduciron que debía estar estreñido, ou algo así. E efectivamente o estaba, xa que ó dá-la volta cara eles, vomitoulles enriba o Nigro Henker que, ó parecer, non fora quén de dixerilo no seu potente estómago; logo foise correndo co resto de eaters sen deixar máis rastro que o vómito no chaleco de coiro de Kou. Despois de reporse do noxo, buscaron un regato no que limpa-lo chaleco e logo continuaron a vagar polo bosque cara o estremo occidente.
Despois de varias horas de deambularen pola inmensa espesura do grandioso bosque das montañas, Kewne, o pequeno dragón, deu un berro de ledicia:
– ¡Vexo luz! ¡Estamos ao final do bosque!
– ¡E eu ulo a comida! ¡¡¡COMIDA!!!
– ¡¿Comida, Skale?! ¡¿Por onde?!
E Kewne e áis Skale soltaron a un tempo:
– ¡Cincuenta metros cara o noroeste, compañeiro!
Sabida xa a dirección a tomar, o trío foi correndo ata chegar a unha pequena vila medio deserta que estaba situada nun pequeno val desas mesmas montañas. Guiados polo olfacto canino de Skale e a vista de aguia (máis ben de dragón) de Kewne bateron cun mozo que ía correndo polas rúas da vila. Xa erguidos e repostos do golpe, foi o mozo o que comezou dicindo:
– ¡Oh, estranxeiros! Hai moito que non vemos ningún viaxeiro pola nosa cidade. Dicide, ¿quen sodes, forasteiros?
Ao mozo notábaselle certo acento xermánico, algo típico dos pobos ao Oeste de Monsbaiya. Desta vez foi Kou o que comezou a falar:
– Eu son Kou Zure, este é Skale e estoutro é Kewne, o meu dragón. Buscamos...
– ¡¡¡COMIDA!!! ¡Buscamos comida! ¿Ti non terás unha pouca...?
– Ehmmm... pois... agora mesmo non, pero tal vez quede algo no Templo. Se queredes seguirme, levareivos ata aló.
O grupo seguiu ao rapaz ata chegaren a unha especie de capela non menos ruinosa có resto da vila e cunha entrada de case tres metros e medio de altura pola que pasaría un dragón branco posto de pé sen problema ningún. Xa dentro do templo o rapaz levounos cara o cuarto do fondo onde os agardaba un vello de aspecto lastimeiro ó pé dunhas estrañas esculturas de pedra de gran tamaño.
– Benvidos estranxeiros... As antigas ledas profetizaron a vosa chegada... Por favor hospedádevos neste modesto templo e comede o que vos apeteza, xa que sóde-los nosos invitados...
Skale e Kou non o podían crer: ¡aquel vello estáballes pedindo que comesen e durmisen DE BALDE*! Cando por fin Skale rematou de asimilalo, Kou xa aceptara hai
un bo cacho, polo que quedaron a durmir por esta noite. Aínda que o tentaron, Kou e Kewne non puideron pegar ollo en toda a noite por mor duns estraños estoupidos que soaban aos poucos seguidos de fortes tremores de terra e estridentes chíos de paxaro en Si maior; Skale, pola súa parte, estaba a durmir coma un anxiño despois de comer coma un cura e de ouvearlle á lúa coma... un lobo. Tal era o balbordo que se escoitaba que Kou deu en baixar con Kewne ata o salón principal do Templo, o das esculturas xigantescas, e alí atoparon co vello que, ó parecer estaba a rezar unha oración nalgunha lingua xermánica de hai miles de anos. Kou e Kewne foron onda el e Kou preguntou:
– ¿Que ocorre señor cura? ¿Que é todo ese ruído?
– Non son cura, só son un excombatente da guerra que se refuxia nesta igexa xunto cos demais habitantes da vila...
– ¿E onde están? Eu só vira aquel rapaz...
– Aí está: nós somos os únicos superviventes de toda a vila. Chámome Ludwig Herzeleido e o rapaz é Panchiño. Tódolos outros morreron nas mans dos seres.
– ¿Seres? ¿Que seres?
– Chamámoslle seres aos monstros que habitan no bosque que rodea a vila e que nos atacan bastante a miúdo ultimamente, posiblemente influenciados por algunha forza maligna... Eles son os que fan tanto ruído: agora mesmo están a nos atacar.
– ¡¿Atacarnos?! ¡¿E por que non... nos atacan?!
– É polas estatuas. Neste templo estalles prohibida a entrada, xa que os espíritos dos gardiáns protexen o Templo de todo mal... Por iso estaba a rezarlles unha oración.
Kou e Ludwig estiveron falando practicamente toda a noite; cando parou o ruído, Kou e Kewne voltaron para a cama e Ludwig fixo o mesmo.
Ó amencer todos se voltaron erguer e atopáronse no comedor do templo. Aló estiveron a falar do que Ludwig lle contara a Kou a noite anterior e, ao remataren o almorzo, Ludwig rematou dicindo:
– As antigas lendas desta vila, chamada por nome xermánico Schwarzeisenerzdämonenblutdraschetöter*, relatan que se a vila é atacada polas feras, ha aparecer un grupo de heroes portadores dun vaso de cor negra para espertaren aos Tres Espíritos Gardiáns, que porán fin a esta desfeita e reconstruirán a vila, salvándonos da desesperación e da Morte.
– Nós cremos que vós sóde-los heroes dos que fala a nosa lenda e por iso queremos pedirvos un pequeno favor...
– ¡Espertade ós espíritos dos gardiáns, suplícovolo! Pancho pode guiarvos ata a súa tumba no medio do bosque... ¿Que vos parece?
Despois de que a Skale se lle atragantara a comida e os outros lle axudaran a baixala cunha pouca auga purificada, rematou por dicir:
– ¡¡¿Pero vós estades tolos ou que?!! Nós non facemos traballos gratuítos, somos uns afamados cazatesouros e XAMAIS facemos nada sen antes cobrar, ¿non Kou?
Antes de que Kou puidera abri-la boca, Ludwig mandou a Pancho que trouxese algo dun armario. Pancho pousou enriba da mesa un enorme saco e Ludwig abriuno, mostrando dentro del montes e moreas de relucentes moedas de ouro.
– ¿Parécevos ben así, con isto?
– Isto... por min vale... ¿Non... Kou?
– Ben: ¡imos cara eses cadaleitos agora mesmo! ¡Veña Panchiño, lévanos!
Pancho accedeu a levalos. Primeiro levounos cara un establo na parte posterior da igrexa e sacou del un bonito nyuel purosangue da raza da Auga e invitounos a subir nel para chegar de présa ata as tumbas.
Pero o peor estaba aínda por chegar, xa que nas Montañas do Norte estaba a ocorrer algo importante:
– ¡Por favor, amo Maisoul, déixenos isto a nós! Xa verá como non lle fallamos...
– ¡¡¡Silencio, Cadavron!!! ¡Xa estou farto de que non poidades roubarlle o Aurum Henker ás portadoras! ¡¿Como ides poder roubarlle o Nigro Henker ós tipos que venceron en combate á Morte?!
– …
– ¡Para esta misón chégame ben coas miñas feras do bosque de Schwartzblutdämonennonseiqué!
– Élle Schwarzeisenerzdämonenblutdraschetöter, se non me trabuco, amo...
– ¡¡¡Cala, desgraciado!!! ¡E observa o que é un bo traballo...! ¡¡¡HAHAHAHAHAHAHAHAHAHAHAHAAAA!!!
****************************
Kou, Skale e Pancho metéronse velozmente na espesura do bosque montados no nyuel mentres Kewne seguíaos de preto voando; cando Kewne cansou optou por agarrarse ao lombo de Kou e seixar que o levase o nyuel*.
– ¡Estade preparados; as bestas do bosque poderían atacarnos en calquera momento!
E foi nada máis penetrar nunha área particularmente pedregosa cando unha horda de criaturas feroces saíron ó encontro dos xinetes e Kewne. Todos eses monstros parecían estar influenciados por unha enerxía maligna e tiñan un brillo rubí nos ollos que indicaba que os estaba a posuír un espírito maligno. Nada máis berrar Pancho un “¡Coidado!” e emprende-la carreira no nyuel, todas as bestas comezaron a perseguirlles cara o interior da parte rochosa do bosque ata chegar a unha especie de monumento de pedra que semellaba ser un portal, onde lles bloquearon a entrada dese portal.
– ¡Non temos máis remedio que quitalos de aí, se queremos pasar!
– ¡Ben, baixade do nyuel! ¡Usade as armas e a maxia para facer que recúen! ¡Eu mentres tentarei pasar por riba co nyuel! ¡Veña, imos!
Rematou Pancho de falar e Kou, Kewne e Skale xa estaban no terreo de combate intentando facer recua-los monstros para que Pancho puidese saltar no nyuel. As potentes estocadas do Incasun de Kou xunto cos disparos vermellos de Kewne e o futae no kiwami de Skale** conseguiron despexa-la ruta o suficiente para que Pancho efectuase o chimpo, pero xusto ao tomar terra de novo, a poucos metros de alí, as criaturas abandonaron a loita co grupo de pelexa e foron a por Pancho e mailo nyuel. O nyuel intentou defenderse do inminente ataque dos monstros, pero non foi defensa suficiente, xa que tombaron ao nyuel e a Pancho con el, deixándoos aos dous incapaces de camiñar.
Kou, Kewne e Skale foron apartando a morea de bestas ata chegar a Pancho e ó nyuel malferido.
– ¡Pancho, érguete! ¡Aínda non chegamos ata a tumba dos gardiáns! ¡¡Veña imos, teste que erguer!!
– A... tumba... está... aquí embai...xo... Ahhhh...
Caeu desmaiado e quitou do peto unha esfera de cor verde, que comezou a brillar ao colisionar co solo pedregoso do lugar. Seguidamente unha luz de lóstrego branco espantou aos monstros e do chan emerzeron tres lápidas idénticas cunha inscripción kanxi* en cada unha delas. Skale achegouse a unha das lápidas, a que tiña impresa o kanxi do “lóstrego”, colleu a boliña verde do chan e incrustouna nun buraco do mesmo tamaño que a esfera en si. No intre apareceron nas outras lápidas outras dúas esferas: unha vermella na que tiña o kanxi do lume e unha azul na que tiña o kanxi do xeo. Seguidamente houbo un grande terremoto, as lápidas abriron e delas saíron tres ráfagas multicolor que ían dirixidas cara a igrexa onde Ludwig se aloxaba con Pancho.
– ¡Rápido, Skale, voltemos!
– ¿E que facemos con Pancho e mailo nyuel, conta?
– ¡Usa este selo para miniaturizar e meter dentro o nyuel! A Pancho pódelo levar ao lombo...
Dito isto Skale usou o selo para transporta-lo nyuel e cargou a Pancho no lombo; despois puxéronse en camiño cara a vila seguindo as pegadas que fixera o nyuel. Pero cando estaban nisto, unha criatura saíu de entre as sombras e deulle unha tremenda labazada a Kou, lanzándoo contra un penedo e facéndolle unha ferida grave nas costas ó chocar. Skale foi correndo ata o penedo mentres Kewne intentaba espanta-lo monstro con bólas de lume. Nisto Skale colleu a enciclopedia de bestas que Kou tiña no peto e exclamou:
– ¡Kewne, para! ¡Ese monstro que ves é da especie Gardián, moi resistente ó lume! ¡Sobre todo atende ó seu garrote!
Skale mirou no saco de Kou buscando medicinas, pero lembrou de súpeto que aquel becho da boca grande coméralles todo o que había no saco exceptuando o Nigro Henker. Nisto Pancho recobrou o sentido e tentou erguerse.
– Ahhh... os espíritos da vila... están... revivindo...
Xa non rematara de volver quedar repousando cando saíu da vila unha luz tremenda e, ó mesmo tempo, escoitáronse tres potentes berros que parecían ser de tres xigantescos seres metálicos ou algo así, que se achegaban cara aló. Mentres isto sucedía, o gardián que loitaba con Kewne aproveitou para darlle un garrotazo que o deixou moi feble; xa o ía esmagar cunha das súas pezoñas cando Pancho dixo, nun intento de berro:
– Usade... a... nyuel... o gardián teme... a ... auga... fría...
– ¡O nyuel! ¡Ben, xa vou!
Skale sacou o selo e rachouno, polo que o nyuel saíu nun fume azulado xusto perante o gardián. O gardián ollouno coa cara de noxo e preparou un potente garrotazo, pero o nyuel foi máis veloz e invocou unha muralla de auga xusto diante del, o que espantou ao gardián e saíu correndo ata estamparse contra un portal máxico do que saíron os mesmos Cadavron e Zu.
– ¡Hahaha! ¡Non temas, gardián... agora estamos nós e temos aquí mesmo a chave da victoria!
– ¿Que chave é esa, Cadavron?
– Só era unha maneira de falar... ¡A chave da victoria está neste corno máxico, hahahahaha!
– ¿Pero que é, unha chave ou un corno?
– ¡É un corno, Zu, pero é unha chave! Ou sexa que... é unha chave pero en realidade é un corno ou... algo así...
Skale quedou medio apampado da estraña entrada do dúo e, cando se repuxo do asombro e das gañas de rir, dixo:
– ¿E vós quen sodes compañeiros?
– ¡¡¡Non sómo-los teus compañeiros, palían con patillas!!! ¡Somos Cadavron e Zu; os meirandes malfeitores que coñeceu a historia do universo, hahaha...!
– A verdade é que parecedes un arlequín e o seu colibrí...
– ¡¡¡Non digas insensateces!!! ¡Agora vou facer que morras! ¡¡¡Tocarei o corno, hahahaha!!! Iso será a vosa perdición por tentar desafia-las forzas do mal...
Despois de retoma-lo alento, Cadavron soprou o corno e del saíu un chío tan estridente que fixo que ata Kou e Pancho, ambos inconscientes, espertasen para tapa-las orellas de semellante estridencia do son do corno. Cando Cadavron rematou de soprar, el e máis Zu voltaron pola porta máxica cara os picos do Norte, deixando o lugar nun completo silencio ata que o ruído dunhas follas de arbusto alertaron a Skale, xa reposto do son do corno.
– ¡Coidado, hai algo detrás dos arbustos!
Efectivamente, ese algo saíu de alí na figura dun escorpión laranxa de metro e medio xunto cun híbrido de humano e serpe, todo el de cor azul mariña e que levaba unha coiraza gris metalizada.
– ¡Ou, non, máis monstros!
– ¡¿Que pasa cos espíritos gardiáns da vila?! ¡¿Por que non veñen dunha vez?!
– Necesitan algún... tempo para acostumarse ós corpos... que teñen agora...
– Ben. Pois mentres, vexamos quén son estes dous bechos...
O home-serpe, todo rebotado, non tardou en corrixir:
– ¡Non somos bechos!
E o escorpión continuou:
– Eu son Paperis e este é Naga...
De súpeto, coma se fosen outros diferentes, cambiaron radicalmente a expresión dos seus rostros e dispuxéronse a atacarlles.
– ¡Hahaha! ¡Ides morrer no nome do noso amo Maisoul!
– ¡Ai carallo, estes tamén están posuídos!
– Xa vexo, Skale...
– ¡¿E que imos facer?! ¡Esas tremendas coirazas son moito para o meu golpe extremo do puño!
No intre no que parecían estar completamente perdidos, uns atronadores pasos deron entrada a tres enormes e xigantescas estatuas de bronce, coma as da igrexa; a única diferencia era que estas movíanse e tiñan unha cor distintiva.
– ¡Os espíritos da vila!
– ¿Eses son os... espíritos gardiáns? ¡¿As estatuas da igrexa?!
– Claro que non, eses son os seus corpos... Cando os espíritos se xuntan cos corpos por medio dunha invocación nas súas lápidas transfórmanse nos tres deuses da vila: Ifrit, deus do lume; Barol, deus do xeo; Odín, deus do trono. Estes deuses míticos protexerannos e anularán o maleficio de Maisoul sobre as criaturas do bosque, ¡xa veredes!
E, de feito, así era. Primeiro foi Barol o que limpou o mal da vila e do bosque, restaurando tódolos edificios da vila e curando e revivindo aos mortos coa súa maxia. Logo Ifrit lanzou unha chama xigantesca que queimou e destruíu o selo maligno que cubría o bosque, deixando libres aos monstros. Por último Odín, cun raio, destruíu todo o mal que quedaba e creou unha barreira máxica arredor do bosque e da vila impedindo a entrada do mal. Xusto despois e, en medio dunha luz cegadora, teletransportaron a todo o grupo ata o templo, onde Ludwig os estaba a agardar co saco de moedas na mesa.
– Ben, fixéstelo. A vila está de novo a salvo gracias a vós, Kou Zure e Skale Saverhagem. O saco de moedas é voso, tomádeo.
– ¡Xenial, Kou! ¡Con todo este diñeiro poderemos repoñer tódalas medicinas e obxectos que nos paparon os eaters cando entramos no bosque por primeira vez! ¡E logo co que sobre iremos a un restaurante de luxo e pedirémo-lo menú come todo o que poidas comer! ¿Que che parece?
– Unha boa idea Skale pero, ¿que facemos agora cos espíritos gardiáns?
– Non pasa nada, volverán ó seu estado anterior pasadas unhas horas...
****************************
Despois duns días, xa co saco cheo de cousas e o bandullo de Skale igualmente cheo, o grupo de Kou decidiu partir cara as covas Halsiphom.
– ¡Adeus amigos, sorte cos demos!
– ¡Ata logo compañeiros, coidádevos!
O día era precioso fóra das montañas do Oeste. Agora que xa ían de camiño cara o seguinte destino, preto das Covas de Halsiphom, Skale, Kou e Kewne estaban cheos de felicidade e novas esperanzas cando percibiron unha presencia ás súas costas:
– Oes Kou. Estes dous lévannos seguindo dende que marchamos da vila... ¿Ti cres que queren roubarnos o vaso?
Kou, Kewne e Skale xiráronse de súpeto, sorprendendo aos seus persecutores, que non eran outros que o escorpión e o home-serpe que os atacaran no bosque, que xa estaban ceibes da posesión demoníaca.
– ¡¿Que queredes, compañeiros?! ¡Se pensades roubarnos o vaso non dubidaremos en machucarvos coma moscas unha tarde de verán!
– Qué sádico es ás veces, Skale...
– Hehehe... ¿Ti cres?
Os dous ameazados responderon desta maneira cun lixeiro ton de medo na súa fala:
– N-non, nós só q-queremos s-sab-saber se po-deriamos este... acompañarvos, iso mesmo si. ¡Se poderiamos ir convosco cara as covas!
– ¿E logo? ¿Non erades dos malos?
– ¡Iso nunca! Nós só estabamos posuídos e agora queremos... ¡¡¡vinganza!!!
– Ben, pois de acordo. Imos.
– ¡Xenial, veña Naga, imos con eles!
– ¡Estupendo!
– A todo isto, ¿como dicides que vos chamades?
– ¡Hehehe! ¡Eu son Paperis, o grandioso e fogoso escorpión... e este ven sendo Naga, o meu amiguiño...! Como vedes, el é unha serpe.
– ¡Non son unha serpe, son un reptílido acuoso de clase superior!
– O que eu dicía: unha serpe...
– ¡Que non!
– ¡Que si!
– ¿Isto vai levarvos moito amigos?
E así, con esta discusión tan filosófica e de tal importancia, deixamos ó grupo portador do vaso negro, ou Nigro Henker, indo cara o seu destino: as covas de Halsiphom, acompañados do escorpión Paperis e o home-serpe... ou o que sexa... Naga. Xa veremos o que lles deparará o futuro...
___________________________________
*O soño da vida de Skale: que alguén lle ofreza comida, bebida e cama totalmente gratis e que por riba insista...
*O que vén significar: Negro ferro forxado polo demo con sangue de dragón asasino.
*Os nyuels son ben rápidos, moito máis que a especie de Kewne, polo que non tardou en cansar.
**Futae no Kiwami: golpe extremo dos puños. É un golpe secreto oriental que consistía en golpear dúas veces a grande velocidade para lograr anula-la resistencia ao golpe do obxecto en cuestión e así pulverizalo.
*Kanxi (kanji): ideograma oriental que simboliza un concepto e que non ten que ver cos dous silabarios oficiais xaponeses: o katakana e o hiragana.
Comentários