top of page
Pirate ship Galiza.png

A MORTE

(1ª parte)

Prólogo algo estraño do que é o comezo da obra

Era un tranquilo día de inverno na cidade de Nova Coruña. O ceo cuberto de nubes, as pombas axexando en cada recuncho esperando a que alguén pasase por debaixo delas para poder bombardealo... un día coma outro calquera. Faustino ergueuse cedo e marchou da casa cara o colexio. Faustino era profesor de debuxo no colexio Pais Valerianos, un tipo algo excéntrico, tan alto e tan delgado que parecía un pao a piques de romper; levaba sempre unha perilla característica e un bigote que lle facían parecer un pintor surrealista cun enorme maletín.

De camiño ó colexio atopouse a Manuel, que ía tamén dar clase no colexio Pais Valerianos. Manuel era un robot deseñado para dar clase; o seu verdadeiro nome era M.A.3000, que logo se trocou en Manuel Antonio para que dese máis aparencias de home e non de robot. Bueno, o caso é que ían eles dous cara o colexio cando o ceo nuboso se trocou en tormentoso tan negro coma a morte e, de súpeto, estalou unha terrible tormenta que alcanzara ós dous profesores. Faustino e M.A.3000 correron a toda présa para se refuxiaren da tempestade dentro do colexio, que xa se podía ver, pero un raio escintilante caeu xusto diante deles. A reacción que provocou o raio ó bater contra o chan foi inesperada: un vórtice apareceu diante de M.A. e máis Faustino e del saíu un resplandor escuro seguido dun misterioso fume negro que os cubriu e xuntounos nun só ser: A Morte.

Cando se pechara o vórtice, parou a tormenta e Faustino e M.A. acháronse no corpo da Morte.

-¿Que pashou? ¿Ónde eshtásh Manuel?

-¿Que? ¿Fausti?

-¡Non pode sher! ¡Fushinámonosh na Morte!

-Pois... non está tan mal. Así terei o ton de voz da Morte e xa non me tomarán a broma nas clases...

-¡¡¡¿Pero ti que dis?!!! ¡Témonosh que librar! ¡Témonosh que librar! ¡Témonosh que librar! ¡Témonosh que librar!

-¡Eu non quero! ¡Quero te-lo ton da Morte!

-¡Xa sei! Tí podesh te-lo ton da Morte igual she estamos sheparadosh.

-¿E como?

-Xa shabesh que eu shempre falo en clashe co ton da Morte. ¡Pódoche enshinar a falar co ton da Morte she sabes como liberarnosh!

-Pois... non sei... ¡Ah, si! Escoita: o mellor será que vaiamos ó meu taller, xa sabes, onde me construíron. Pode que o meu creador teña algunha máquina para separar corpos fusionados.

-Pois logo, ¡imos!

Faustino e Manuel Antonio, é dicir, a Morte, foi cara o taller onde Manuel Antonio ía tódalas semanas a que lle fixesen a revisión. Ó chegar comprobaron que a reixa metálica que soía cubri-la entrada cando estaba pechado estaba levantada, polo que entraron dentro do taller. Aquel lugar era coma unha fábrica en ruínas onde había moreas e moreas de lixo metálico ciscadas polo chan. Algunhas das máquinas que aínda se sostiñan de pe semellaban cheas de ferruxe pola falta de uso e outras estaba tan cubertas de po que poderíase dicir que nevou enriba delas. No fondo do cuarto do taller estaba un home un chisco baixo, pero non moito, vestido cun buzo azul de mecánico e unhas deportivas todas rotas. O seu pelo era castaño, aínda que semellaba cano polo monte de po que tiña por todo o corpo, incluso no pelo; era un home de mediana idade, que non chegaba ós trinta e cinco anos. Manuel Antonio dirixiuse a el co corpo da Morte:

-¡Oes, Paco! ¿Non terás, por un casual, algún trebello para separarnos?

A primeira impresión de Paco, que era o mecánico cuberto de po, foi dun arrepío; pero, ó decatarse de que era a súa creación quen falaba dentro do corpo da Morte a súa expresión trocouse en desconcerto.

 

-¡¿E logo que che pasou, M.A.?!

Manuel contoulle o dos lóstregos e cómo saíu do vórtice fusionado con Faustino na Morte. Paco, sen mudar de expresión no rostro, sacou de entre toda a ferralla enferruxada que había por alí, un aparello semellante a unha sandwicheira xigante que, segundo el, servía para fusionar, polo que, se lle cambiaba a polaridade ó conversor de enerxía, pode que os separase.

-¡Preparados! ¡Aí vai, pasade por dentro do portal!

Faustino e M.A. pasaron por dentro do buraco ó que Paco chamara portal e, logo dunha chuvia de lóstregos, saíron M.A. por un lado e Faustino polo outro, totalmente separados e sen deixaren rastro da Morte.

-Ben, parece que nos separamos, Fausti.

-Shi, e menosh mal...

E dito isto, fóronse correndo cara o colexio dos Valerianos. Posto que viron que camiñando non chegarían a tempo, M.A., que era un robot con moitos recursos, sacou o propulsor munchóñico que tiña implantado nas costas para poder chegaren os dous a tempo ó colexio.

 

O que eles ignoraban e non descubrirían ata pasado un tempo, era que este acontecemento, xunto con outros que virían despois, eran o comezo dunha antiga profecía que prognosticaba o dominio do mal sobre o planeta e que a verdadeira Morte, encerrada polos antigos meigos da auga nun vórtice, agardaba isto dende hai milleiros de anos, desde que a humanidade se atreveu a pechala a ela e ó Rei Lume na época da loita entre o ben e o mal.

 

 

 

A MORTE, A VINGANZA DO MAL VAI DAR COMEZO...

 

 

Skale Saverhagem 2000-2003

Pirate ship Galiza.png
bottom of page