
As viaxes de Kou Zure, 2ª parte
~ A Peregrinaxe ~
Este capítulo narra o comezo da lunga peregrinación de Skale, Kou e Kewne por un lado, e Selfi e Attley por outro.
Todo comezara despois de que Kou e os seus amigos lograran dete-la expansión das forzas escuras invocadas polo espírito do defundo Beldo e acabaran con el con axuda das pantasmas do cemiterio de Darkshire. Era un día coma outro calquera para os habitantes de Monsbaiya. O sol brillaba no alto do ceo amosando a magnificencia do meirande monumento da vila, a Torre de Monsbaiya, tamén coñecida como Torre dos Monstros polos diversos seres máxicos que viven nela. Como ía dicindo, era un día coma outro calquera e Kou estaba, coma de costume, na terraza da cafetería de Monsbaiya falando con Skale e os outros sobre o gran dilema que supuña o tema de se o mal abandonara para sempre o mundo ou soamente estivese oculto no recuncho máis inesperado...
– Ben, ben, ben; comecemos polo principio, ¿de acordo? Ben... vexamos... O MAL DESAPARECEU. ¿Algunha pregunta?
– Skale, ¡¿como podes estar tan seguro diso?! ¡O único que desapareceu foi o espírito de Beldo, máis nada! Penso que deberiamos pensar nunha estratexia para facer saí-lo mal da súa gorida e logo acabar con el... ¡Veña, ¿quen está comigo?!
– Eu, sinceramente, creo que non nos deberiamos precipitar tanto... Pode que Beldo desaparecera, pero iso non quere dicir que con el desaparecera a escuridade que soltou... aínda que, visto por outro lado, tamén pode ser que o mal que soltou desaparecera con el... ¡Claro que nunca se sabe, hehehe...!
– ¡Ben, Selfi, con iso non nos dis nada! … Penso que é unha tolemia preocuparnos máis por iso. ¿Por que non prendémo-la radio para nos relaxar un pouco, que vos parece?
Ninguén se opuxo á idea de Skale, polo que non dubidou en acendela canto antes; e cal sería o seu abraiamento cando escoitou a primeira frase do locutor que non foi outra ca “¡O planeta enteiro está cheo de catástrofes!” Non soamente Skale, senón todos os do grupo, incluída Attley, quedaron abraiados ó oír falar na radio – e ademais na emisora que tiña sintonizada Skale, que era unha de música latina – sobre unha inmensa brétema que cubría as terras ó Surleste de aló, nas terras de Hailmount e Primmelcavork. Non dubidaron en que a escuridade que Beldo soltara dende a Torre seguía ceibe polo mundo espallando o mal por onde pasaba e, a pesares das dúbidas de Skale de que iso fora unha noticia de verdade, propuxéronse a saíren de peregrinaxe na busca da escuridade e voltala pechar no selo da Torre de Monsbaiya. Soamente había un problema, que ningún deles tiña nin idea de cómo e por ónde ía pasa-la escuridade nin de cómo pechala no selo cando a atopasen, polo que foron á vella choupana do meigo da vila, Marzin Adello.
No “taller de maxia de Marzin”, como ó vello lle gustaba que chamasen á súa choupana, Marzin preparaba antídotos contra o veleno con diversas herbas. Nisto, chegaron Selfi e máis Skale chamando por el para que os acompañase ata onde estaban os outros. Marzin rematou de face-lo antídoto e de seguido* estivo con eles na porta da súa casa.
– ¿E logo que foi?
Kou e os outros explicáronlle o que dixeran antes na radio e Marzin, coa súa actitude de vello senil acostumada, dixo:
– Hmmm... vexamos... Parece que, finalmente, a antiga profecía da Apocalipse vaise cumprir...
– ¡¿Que é iso da profecía da Apocalipse?!
– ¡Está ben claro, é a profecía da fin do mundo! A profecía di que, cando a escuridade comece a espallarse polo mundo será cando sexa vulnerable ós ataques dos homes e monstros... A escuridade saíu da Torre dos Monstros, polo que estará perseguindo os puntos estratéxicamente colocados 45 graos ó Leste e 45 graos ó Oeste, exactamente na Torre de Tarolisk en Oriente e nas covas de Halsiphom en Occidente. Para poder dete-lo seu avance teredes que ir a un tempo ós dos destinos e colocar dúas reliquias ancestrais que serven de potente escudo contra as forzas malignas. Soamente se os dous obxectos son colocados ó mesmo tempo nos lugares indicados, o poder da escuridade debilitarase e tomará forma corpórea e será entón cando deberá ser eliminado da face da Terra.
– E... suponse que temos que ir nós... ¿non?
– ¡Home claro, Ghosh! ¿E que esperabas?
– ¡Non hai tempo que perder, vinde comigo!
Os cinco do grupo, xunto con Dydra e Kewne, foron con Marzin ata o interior do seu “taller” esperando que o vello meigo fixese algo. Finalmente, o vello sacou de entre tódolos seus obxectos, que supostamente tiñan poderes máxicos, unha boliña de cor negra e un xerro da mesma cor; posteriormente sacou outra bóla e outro xerro, esta vez dourados, e dixo:
– Estes son os obxectos místicos que eliminarán a escuridade do planeta. O vaso dourado coa esfera escura e o vaso escuro coa esfera dourada, tamén coñecidos por Aurum Henker e Nigro Henker. Teredes que ir uns cara o Occidente co Nigro Henker e os outros cara Oriente co Aurum Henker e oclocalos nos lugares que vos dixen antes. Se o facedes ben non deberiades ter problemas para elimina-las forzas escuras; pero se non o facedes exactamente ó mesmo tempo non dará reusltado e a escuridade será practicamente imposible de vencer, así que tende coidado...
– E digo eu... ¿Como se supón que imos facer para facelo ó mesmo tempo se a torre esa e as covas están a millóns de quilómetros de distancia?
– Moi doado, Kou, deixa que che explique... As esferas de cada cor serven para comunicarse cos vasos da mesma cor. Por exemplo, se ti levas a Aurum Henker, coma ten a esfera de cor negra, poderás comunicarte co vaso negro, é dicir, co Nigro Henker, ¿entendes?
Unha vez quedou todo aclarado decidiron quén ía ir cara Oriente e quén cara Occidente e saíu desta forma: Kou e Skale irían cara as covas de Halsiphom, acompañados por Kewne, co Nigro Henker e Selfi e Attley irían cara a torre de Tarolisk co Aurum Henker. Ghosh abstívose por diversos motivos; un deles era que, segundo parecía, prefería quedarse a protexe-la vila con Dydra; pero a auténtica razón era que estaba tremendo de pavor pola idea de ter que enfrontarse contra as forzas escuras – e porque Marzin o descualificou do grupo pola súa actitude arrogante –. Finalmente, ó remata-lo día, cada un deles (Kou, Skale, Selfi, Attley e Kewne, o dragón en miniatura) xa fixera os preparativos previos á terrible viaxe trala nube escura e algúns, coma por exemplo Attley, que era moi dada ás reflexións filosóficas, pasaron a noite pensativos, cavilando sobre a maneira de vence-la escuridade e de qué pasaría ó emprenderen a súa paregrinaxe.
Novamente os purificadores raios do Sol enchían Monsbaiya de luminosidade ó comezo do día no que Kou, Kewne e Skale por un lado e Attley e Selfi polo outro emprenderían a súa longa e ardua peregrinaxe trala nuble escura invocada polo dúas veces defunto feiticeiro maligno Beldo. Attley foi a primeira en chegar á praza da vila e, segundo o día ía clarexando, foron chegando Selfi, Kou con Kewne e, finalmente, Skale. Marzin tamén estaba alí para dárlle-la última axuda posible: dous botes de antídoto especial contra todo tipo de velenos que estivo preparando o día anterior á saída.
– Pois, moi ben... ¿imos logo?
– ¡Si, por fin! ¡Imos xa, veña!
Despois desta última advertencia de Marzin, Attley e Selfi emprenderon a longa viaxe seguidas de Kou, Kewne e Skale, que ían a paso repousado. Kou ía admirando o Nigro Henker que, a pesares de ser de cor negra, tiña un brillo que semellaba os mesmos raios do Sol; e indo tan pendente do xerro que non vía nin por ónde pisaba, deu por topar con algo que se interpuña no seu camiño. Ó decatarse de que topara con algo, Kou subiu a cabeza e atopou a Ghosh, con Dydra por detrás del. Skale, cando se deu de conta de que Kou quedara atrás, voltou a ver qué pasaba e atopouno discutindo con Ghosh porque non lle deixaba pasar.
– ¡Non te deixarei marchar tan facilmente, Kou Zure! ¡Aínda temos contas que arranxar ti e máis eu!
– ¿De que me estás a falar, Ghosh?
– ¡¡¡¿Tes valor suficiente como para non lembralo?!!! ¡Temos un combate pendente! ¡¿É que non o lembras?!
– Pois... non sei, se ti o dis...
Ghosh estaba que faiscaba polas orellas; aquel combate era, como tódolos seus combates anteriores contra Kou, un dos moitos desquites que Kou lle prometera a Ghosh ou, mellor dito, que Ghosh se autoprometera a si mesmo cada vez que perdía, ou sexa sempre. Vendo Kou a rabia de Ghosh, non tivo áis remedio que acceder; ademais Dydra tamén ía loitar contra Kewne, polo que era un combate por equipos.
A loita comezou con Skale como árbitro. Ghosh desenfundou o seu Bronzino e lanzouse coma un tolo a por Kou, pero este esquivouno, deixando que se esnafrara no chan e cravase alí a súa espada. Coma Ghosh non podía moverse, xa que tiña a espada cravada no chan, foi Dydra quen, no canto de quedar a durmir, como era o seu costume, tentou arrearlle a Kou con tan mala sorte que lle deu a Ghosh confundíndoo con Kou. Cando os dous estiveron aplastados no chan, Kewne rematounos cunha invocación de Sabre Vermello no Incasun de Kou, que lle deu a victoria definitiva ó equipo formado por Kou e máis Kewne.
– ¡Veña, Kou, imos! ¡Non temos tempo que perfer, Selfi e Attley xa nos levan moitos metros de vantaxe!
– De acordo, Skale, pero... ¿que facemos con Dydra e Ghosh? Están completamente churruscados.
– Xa, ¿e que? A auga de Dydra sandaraos aos dous... ¡E ademais que máis ten, Ghosh é Ghosh; é normal que sempre ande medio morto! Está acostumado a que o humillen...
– Ben, se ti o dis... ¡Pois imos logo!
– ¡¡¡Imos!!!
Dito isto, Kou e máis Skale, xunto con Kewne voando ó seu redor, atravesaron a porta das murallas que cercaban Monsbaiya e puxéronse camiño das montañas que había atravesando un cacho de deserto cara o Oeste e as covas de Halsiphom, esperando, dunha vez por todas, acabar coa escuridade que saíra da Torre hai dous días.
Entrementres, Selfi e Attley xa estaban camiño dos campos que se estendían máis aló do deserto que rodeaba a vila da que saíran. Selfi levaba nas mans o Aurum Henker, que brillaba a pesar de esta-lo ceo nuboso cun brillo esplendoroso, coma se cen soles o estivesen iluminando nese momento. Attley, pola súa parte, ía camiñando velozmente pola vasta planicie areosa do deserto deixando a Selfi cada vez máis e máis atrás, ata que se decatou e díxolle:
– ¡Selfi, apura! ¡Temos que chegar á Torre de Tarolisk o antes posible para poder dete-la escuridade! ¿Ou é que non te lembras?
– ¿Como? ¡Ah, si, é verdade! Esquecérao por completo... Estaba a mirar para o xerriño que nos deu o mestre, ¿va que é bonito?
Mentres Selfi dicía estas palabras, non moi lonxe de onde elas dúas estaban daba en comezar unha grande tormenta de area, provocada por unha criatura da escuridade, que tentaba impedi-lo seu avance polo deserto ata os campos.
Entrementres, Kou, Skale e máis Kewne ían camiño das montañas que os levarían a terras occidentais, onde se achaban as covas de Halsiphom. Todo parecía ir normal, pero uns metros máis atrás, Ghosh e Dydra estaban a seguilo; a parte diso, todo corría normal.
– ¡Ben, Kouciño, xa falta menos! ¡Alí enfronte xa se poden ve-las montañas!
– Non te confíes, Skale; en calquera momento podería aparecer unha criatura da escuridade para acabar con nós... ¡Claro que tamén temos a Kewne e o seu potente Disparo!
– É certo, ¡non temos nada que temer! ¡IMOS!
Skale botou a correr, e Kou e Kewne ían detrás; Ghosh, ó ver que os estaba a perder de vista, botou a correr tras deles pero... Dydra quedara botando unha sesta e Ghosh non se decatou ata que percorreu uns centos de metros e tivo que voltar por el.
– ¡Dydra! ¡¿Onde andas?! ¡¡¡Dydra!!! ¡Merda, seguro que voltou quedar durmido nalgures! ¡¡¡DYDRAAAAAA!!!
Nisto, Ghosh tropezou nalgo que parecía ser unha duna algo húmida. Cando volveu a vista atrás para ve-lo que era achou a Dydra, medio cuberto polas areas do deserto, durmindo a cachón. Posto que se agardaba por Dydra a que espertase non ía dar collido a Kou e Skale, colleu a Dydra no lombo e foi correndo todo o que lle daban as pernas – que non era rápido de máis, xa que levaban unha tonelada e media, aproximadamente, de auga a catro graos centígrados ao lombo – para poder chegar ata eles e remata-la loita que tiña con Kou.
Mentres Kou, Skale e Kewne ían cara as montañas, Attley e máis Selfi víronse no medio dunha terrible tormenta de area en compaña do Espírito, que lograra dar con elas despois dunha longa procura dende que saíran da vila.
– ¿Pero que fai aquí este?
– Pois... non che sei. ¡Pode que lle caias simpático e queira vir con nós!
– ¡Non digas parvadas, Selfi! ¿Queres? Agora hai que pensar cómo imos saír desta tormenta de area...
Nese momento apareceu no interior da tormenta nu ser que semellaba unha especie de paxaro estraño, sen patas nin plumas, e cunha grande cabeleira na testa. Ó achegarse un pouco máis a elas dúas e mailo Espírito, observaron que se trataba dunha haría-león de cor verde limón e cunha cara de poucos amigos. A harpía-león foise achegando áis ata estar en condicións de falar con eles, e dixo:
– ¡Hmmm...! ¡Non podo permitir que sigades avanzando, humanos! ¡Por orde do meu amo hei de matarvos agora mesmo! Polo tanto, ¡ide rezando o que saibades! ¡¡¡Ides morrer!!!
– Hmmm... Pode que sexa unha criatura saída da nube de escuridade que botou o espírito de Beldo...
– ¿E por que nos quere matar? ¡Eu véxoo moi lindo! Seguro que é inofensivo...
– ¡Non digas parvadas, ven para acabar connosco, Selfi!
– ???
– ¡Vós o quixestes! ¡¡¡MORREDE!!!
A harpía-león comezou a bate-las súas ás desatando unha tempestade maior cá de antes e creando un tremendo remuíño que atrapou tanto a Selfi como a Attley no seu interior; soamente o Espírito, por non ter substancia, librárase dese destino.
Dentro do remuíño, Attley tentaba atinarlle ó becho que o provocara usando o seu orbe de lume, mentres que Selfi estaba a invocar un feitizo de choiva para amansa-la tempestade e facer que parase o remuíño e poderen saír del; o único problema era que non lembraba as palabras exactas do feitizo.
Fóra, o Éspírito estábao a pasar en grande vendo as vertixinosas voltas e reviravoltas que daban Selfi e Attley e escachaba coa risa polo tremendo espectáculo. Foron tan estridentes e de tal magnitude as gargalladas que botaba que, nunha destas, a harpía-león tivo que tapa-las orellas coas ás para non quedar completamente xordo** e claro; usando as ás para tapa-las orellas, deixou de batelas e, polo tanto, o remuíño amainou quedando todo o deserto en calma total e, por suposto, liberando a Attley e máis a Selfi das súas poutas. Cando o Espírito se decatou do detalle, deixou de rir e rapidamente saltou dentro do corpo de Attley para posuíla, que era a súa afeccíon preferida entre preferidas. Attley, que o vía vir, preparou o seu orbe de lume para uno ataque contra el, no intre no que a harpía-león acordou e estampoulle un golpe de á na cara a Attley, impedindo que utilizase o seu orbe a tempo e deixando vía libre ao Espírito, que se meteu no seu corpo e posuíuna.
– ¡Hehehe! ¡Parece que esa pantasmiña vaime face-lo traballo sucio! Ben, pois agora irei a pola outra...
– ¡¡Non, non queroooo!!
– ¡¡¡Cala, vas morrer!!!
A Attley custoulle un pouco liberarse da posesión do Espírito, pero cando por fin o conseguiu, a harpía estaba a piques de trabar a Selfi e matala, aínda que iso non era precisamente o que máis lle importaba a Attley...
– ¡¡¡Attley!!! ¡Por fin acordaches! Axúdame, que non se me ocurre qué conxuro podo usar...
Os ollos de Attley botaban faíscas de ira homicida e os seus rubios cabelos parecían talmente as chamas do mesmo Inferno. Tal fora a carraxe que lle provocou a harpía-león ao desvia-lo seu ataque deixando que o Espírito a posuíra e comezase a actuar coma se estivese peneque* que podía estoupar en calquera momento, arrasando todo o que estivese no seu camiño. O Espírito advertira esa ira nos seus ollos e púxose a unha distancia considerable, para non sufrir danos, deixando a Attley e á harpía-león fronte a fronte.
– ¡¡¡¿COMO OUSACHES DEIXAR QUE FIXESE O RIDÍCULO DIANTE DE TODO O DESERTO?!!! ¡¡¡HASTE ARREPENTIR, CONDENADO PAXARO!!! ¡¡¡VASMAS PAGAAAAAAAAAAAAAAAAAAAARRRRRR!!!
– Ahai... ¿p-pero q-que é o q-que lle p-pasa a esta mo-moza...?
– ¡Oh, agora si que a cagaches, amiguiño! Cando está furiosa, Attley é quén ata de arrasar unha cidade enteira...
– ¿E-e-e-en se-serio...? ¡Ai meu Deus, valédeme!
Xa era tarde, os ollos de Attley trocaron de botar faíscas a lanzar verdadeiras labaradas de ardente lume infernal. Nese clímax de cólera, desenfundou o seu Blessire cunha man e coa outra colleu o seu orbe de lume, preparando así un ataque devastador combinando a dura estocada da súa espada coa potencia das ardentes chamas do seu orbe, mesturado todo nunha mortífera estocada infernal que bateu contra o paxaril corpo da harpía-león e mandouno disparado cara as montañas do Leste, de onde se supón que saíra.
– ¡Ben feito, Attley! Deixáchesme abraiada, creme... E... agora... ¿que facemos?
Attley, que xa descargara toda a súa ira, repuxo:
– ¡Ha! ¡Temos toda unha viaxe por diante! ¡¡¡Partamos cara os campos do Leste, veña!
– ¡¡¡Siiii!!!
E, dito isto, atravesaron o calmo deserto de seguido ata chegaren aos verdes e infindos campos do Leste.
E, mentres todo isto acontecía, Ghosh conseguira dar alcance á tropa de Kou, que xa chegara ó pé das montañas.
– Ben, xa só nos queda rubir pola pendente e estaremos en terras occidentais. ¿Que che parece, Kou?
– Xenial... ¿E como imos facer para escalar estas montañas?
– ¡¿E quen dixo que iamos escalar?! ¡Aí hai un camiño, podemos tomalo!
– ¡¡¡Non tan depr...!!!
Antes de que Ghosh puidera dicir nada e sen que Kou, Kewne e Skale se decatasen da súa presencia nin da de Dydra, que seguía ás costas de Ghosh, escoitouse un estraño laio que viña do interior das montañas, que trouxo consigo un tremor de terra que durou varios minutos, tirando a Ghosh ó chan xunto con Dydra, que acabara de espertar da súa soneca.
– ¿¿¿??? ¿Que foi iso?
– Sabe Deus... ¡Incluso podería ser un deses demos saídos da nube de Escuridade! ¡Hehehe...
– ¡Será mellor que vaiamos dentro das montañas, a ver qué é o que está a pasar!
– ¡¿Por que sempre queres facer de heroe xisticeiro, Kou?! ¡É unha teima túa que aínda non asimilei!
– Pode que haxa unha vila en perigo por mor da nube que botou Beldo... E, xa sabes qué quere dicir iso, ¿non?
– ¡Ah, claro! Xa te entendín... ¡¡¡RECOMPENSA!!! ¡Bule, Kou, imos a esa vila XA!
– Pero Skale... eu non quería dicir iso...
– ¡¡¡BULE!!! ¡Moedas, montes de moedas! ¡¡¡Bule!!! ¡Quero esa recompensa!
– Está ven... ¡Imos, Kewne!
– ¡¡¡Siiiiii!!! ¡Cara as montañas!
Unha vez Kou e mailo grupo foron correndo a toda présa cara o interior das montañas, Ghosh deuse erguido e, ó ver que os voltara perder de vista, non se lle ocorreu outra cousa que ir escalando a montaña, xa que, con tanto balbordo e con Dydra nas costas, non pensou en mirar cara a esquerda, que era onde estaba o camiño, así que foi escalando xunto con Dydra que, ó ver que o seu “mestre” marchaba, el seguiuno.
– ¡Maldición! ¡¿Como puideron escalar isto tan rápido?! ¡¡¡Kou, a próxima vez vencereite!!! ¡Ai, que caio! ¡¡¡Hasmas pagaaar!!!
