top of page
Pirate ship Galiza.png

As viaxes de Kou Zure, 2ª parte

~ Perdida no Labirinto ~

Amañecía un novo día nas verdes terras azurianas que enchía de novas esperanzas os xoves corazóns de Kou, Skale, Selfi e Attley. Kou e Skale, acompañados por Kewne e seguidos de preto por Dydra e Ghosh continuaban a súa viaxe polas terras montañosas de Occidente cara Halsiphom, mentres que Attley e Selfi, acompañadas polo Espírito, atravesaban os perennes campos orientais cara Tarolisk. Pero nos xélidos picos do Norte, dous malignos seres estaban a conspirar contra o bo desenvolvemento da peregrinaxe após a Nube Escura; non eran outros que o humillado Cadavron e o escéptico Zu, dous seres saídos da mesma Nube. Pero desta vez non estaban sós, senón que estaban a recibir ordes superiores.

– ¡¡Escoitádeme ben!! ¡Vó-los dous sóde-la elite das forzas da Escuridade nestes intres, xa que o noso aliado máis poderoso foi aniquilado na terra occidental!

– ¡¿Como é posible que alguén puidese destruí-la Morte?! ¡Se el é indestructible!

– ¡Pois así é! ¡E por iso vós deberedes vinga-la súa... derrota... conseguindo roubarlles ós portadores dos dous Henkeres un deles! ¡¡¿Entendido?!!

– ¡¡¡Si, amo Maisoul!!!

Despois de oír isto, a imaxe do espírito de Maisoul, o defunto Rei dos Demos e da Escuridade, desapareceu e o portal entre os mundos pechouse, deixando ós dous sicarios cunha importante misión que cumprir. Pasados uns segundos, Zu virou a sía melenífera cabeza felina cara Cadavron e díxolle:

– Oes Cadavron, ¿e agora que imos facer?

– ¡¡¿Pois que vai ser?!! ¡¡¡Temos que roubarlle á moza do cabelo en chamas ese Aurum Henker ou o amo mátanos!!!

– Oes... ¿E por que non o intentamos antes cos outros que levan o Nigro Henker? Xa víche-lo mal parados que saímos da nosa pelexa nos Campos do Leste, e iso que tiñamos vantaxe... nun principio.

 

– ¡Xa o sei, pero os portadores do Nigro Henker acabaron coa Morte! ¿Oes, Zu? ¡¡¡A MORTE foi vencido por un fato de mortais!!!

 

– Si, pero nós morreriamos tamén de non ser porque saímos fuxindo coa propulsión do golpe final da fulana rubia... ¿Ou non?

 

– Pode ser, pero un vello proverbio di que máis vale malo coñecido que bo por coñecer e, facendo caso dese proverbio, imos de novo trala rubia, a rara e a pantasma. ¡Imos!

Cadavron saíu voando da súa gorida e Zu seguiuno con desgana por temo a que lle volvese pasa-lo da última vez.

Se antes vimos a Cadavron e Zu nun estado lamentable de preocupación, a Selfi e Attley pasáballes ó contrario; un enorme sentimento de ledicia marcaba os resplandecentes rostros das dúas viaxeiras, xa que non se tiveron que enfrontar con ninguén dende o combate nos Campos e no camiño só se vía unha bonita senda que lles daba a sensación de estaren xa moi preto de Tarolisk. O Espírito non volvera posuír a Attley e por iso semellaba unha nova e mellor persoa, cos seus ollos verdes e os seus rubios cabelos desprendendo ledicia e felicidade por todas partes. Selfi ía, sobre todo, pendente do Nigro Henker, sacándolle brillo, admirándoo e mirando a súa alegre cara nos reflexos do brillante xerro e iso púñaa de moi do humor. Indo as súas, xunto co Espírito revoando por riba delas, por ese camiño de rosas, atoparon un vello no medio da corredoira, con expresión entre triste e de preocupación. O velliño, ó velas, achegouse un pouco a elas e comezou a falar cunha voz un tanto tocada pola idade; e díxolles:

 

– Bo día, señoritas. ¿A onde se dirixen? … ¿Non pensarán ir por este camiño...?

– Pois de feito estamos indo por el agora, ¿non?

– Iso que dis ten algo de sentido...

– ¿E por que non deberiamos ir por aquí?

O vello quedou un anaco pensativo e logo comezou a dicir, cunha voz máis arrepiante:

– ¡Non vaiades por aquí; esta senda está maldita dende hai uns días! Un malvado demo pousou nas nosas terras e fixo xurdir do chan unha grande fortaleza que impide a saída a terras orientais. ¡É de tolos continuar por aquí; por iso eu din a volta hai pouco!

 

A expresión da cara do vello mudara de preocupación a medo e saíu correndo coma un... vello con medo. Selfi e Attley quedaron apampadas ó ve-la gran velocidade coa que se movía o vello e, despois de que o perderon de vista polo paso, Selfi ousou dicir algo:

– ¿E iso será verdade? ¿Ti que pensas?

– Soamente hai unha forma de sabelo, Selfi. ¡Imos! ¡Se non cruzamos este paso xamais chegaremos a tempo á Torre de Tarolisk e, segundo a boliña do Aurum Henker, Kou e Skale xa andan preto das Covas! ¡¡¡Temos que apurar se queremos chegar a tempo!!!

Estas palabras de ánimo procedentes de Attley fixeron que o grupo comezase a correr cara ó final do pasadoiro, onde esperaban atopa-la grandiosa fortaleza dos demos que aquel vello de pés lixeiros describira cando o atoparon. Entrementres, no ceo azul, uns demos xa de sobra coñecidos estaban a revoar, perdidos, tentando atopar ás portadoras do Aurum Henker: Selfi Rode e Attley Willo, que ían cara a fortaleza.

 

– ¡Dixeches que sabía-lo camiño cara o Aurum Henker! ¡Zu, dixéchelo!

– ¡Eu dixen que non sabía! Soamente me oriento co meu olfacto felino...

– ¡¿E agora que facemos, Zu?! ¡¡¿¿Que facemos agora??!!

 

– Pois... non sei.

– Ti sempre igual, Zu. ¡Nunca sabes, nunca...! ¡AUCH!

Un tremendo choque contra unha especie de muro de diamante interrompeu as queixas de Cadavron e, por riba, entroulle unha dor de cabeza terrible.

– Este... Cadavron... Paréceme que chegamos á fronteira que separa as terras do Leste das do lonxano Leste.

Cadavron e Zu tiveron sorte (ben, Cadavron non tanta...) xa que, no mesmo intre que eles chegaran, ao pé da fronteira, que non era outra que aquela fortaleza que tanto temía o vello, Selfi e Attley acabaran de chegar, acompañadas sempre polo Espírito. Cando Cadavron se repuxo do choque, advertiu:

– ¡¡¡Mira Zu, é o noso día de sorte!!! ¡¡¡A moza dos cabelos de lume e a outra tola van entrar na fronteira construída polos demos escuros de Maisoul!!! É a nosa oportunidade para roubarlles o Aurum Henker e, por suposto, ¡¡¡TOMÁRLLE-LA REVANCHA!!! ¡Imos, Zu!

– Vou...

Dende o pé da fronteira, de feito semellaba unha enorme fortaleza feita de brillantes tixolos de diamante negro e coas portas de aceiro inoxidable. Attley e Selfi sabían que o único medio de acceder a terras orientais era cruzando a fronteira, polo que abriron o enorme portal cunha combinación de estocada e tsunami. O portal non resistiu o ataque combinado e cedeu, permitíndolles o paso cara o interior.

Dentro atoparon que todo era unha enorme habitación cunha decoración un tanto peculiar: estatuas de demos por todas partes e unha morea de bóvedas de estilo gótico con ornamentos de tipo satánico. As paredes, o teito e o chan por dentro eran verde esmeralda. O único obxecto importante que había estaba no centro da enorme sala: unha bóla negra nun pedestal moi adornado con motivos de serpes, demos e demais bechos.

Attley achegouse a aquel orbe negro para ver se era algún tipo de chave máxica cara o outro lado da fronteira. Cando estivo preto da esfera, esta comezou a lucir cun brillo escuro, que comía tódalas demais luces da enorme sala. Selfi tentou achegarse á bóla e o Espírito seguiuna, pero xa era demasiado tarde. Attley desaparecera diante dos seus abraiados ollos, deixando a Selfi e mailo Espírito completamente sós dentro da fortaleza e sen saber qué facer máis que mirar cara a esfera negra. Nese intre foi cando Cadavron e Zu entraron por fin na grandiosa sala, atopando a Selfi diante da bóla.

– ¡Hahahahaha! ¡Estades perdidas, entregádenos o Aurum Henker e non vos faremos sufrir demasiado cando vos matemos, hahahahaaaa!

– Oes, Cadavron. Paréceme que aquí falta alguén...

Cadavron mirou atentamente cara Selfi e mailo Espírito e deu na seguinte conclusión:

– ¡¡¡Falta a moza dos cabelos de lume!!! ¡Oes ti, mociña! Dinos ónde está acochada a túa amiguiña se non queres sufrir...

Selfi, estrañada pola maneira que tiveron de referirse a Attley, deu en contestarlles:

– Attley está dentro da boliña, mira.

Selfi sinalou á esfera negra que fixera desaparecer a Attley. Cadavron e Zu, un tanto abraiados pola contestación, achegáronse ós poucos cara o centro da sala, onde estaba Selfi e a bóla, xa que o Espírito estaba revoando por toda a xigantesca sala e rindo na cara de cada escultura que atopaba. Mentres, Cadavron e Zu quedaron mirando cara a esfera que sinalou Selfi e, logo de tela examinado a conciencia, dixeron:

 

– Hmmm... Tal vez esta bóla sexa unha especie de teletransportador, ¿ti que pensas, Zu?

– Pois... non sei.

Seguiron examinando a esfera para ver se lle atopaban algún mecanismo que a activase; mentres, Selfi ollaba con expresión cómica cara eles, portando o Aurum Henker nas súas mans e sacándolle brillo de cando en vez. Entón, cando Selfi alzou o vaso para ver nel o seu reflexo, a esfera negra volveu brillar, atrapando esta vez a Cadavron e Zu en Deus sabe ónde. Selfi, vendo o que pasara ó alzar o vaso, foise cara o outro punto da sala por se a bóla a tragaba a ela tamén.

 

****************************

 

Mentres tanto, nalgún lugar sen localización exacta no espacio, Attley estaba a dar voltas por un misterioso corredor, tentando atopar unha saída cara o outro lado da fronteira das terras orientais de Azuria. Noutro lugar desde estraño complexo, Cadavron e Zu acababan de aparecer, dando co cu no chan e ollando abraiados cara tódalas partes tentando atoparlle sentido ó que acababa de suceder coa paisaxe.

O lugar no que se achaban era unha enorme mestura de corredores nun espacio distorsionado no medio da nada e cunha misteriosa brétema que se movía lentamente polo chan do estraño lugar. Attley andaba perdida naquel labirinto máxico e tentaba atopar unha saída; mentres, Cadavron e Zu ían tras dela, tamén perdidos no labirinto máxico.

– ¡¿Estás seguro de que a viches, Zu?!

– Xa che dixen que non sei se era, pero podería ser, ¿quen sabe?

 

– Ti deberías sabelo, cérebro de colibrí. Suponse que os paxaros tedes grande agudeza visual.

– Xa, pero eu non son un paxaro, son unha harpía-león; con cabeza de león e corpo de paxaro.

– E cérebro de mosquito... ¡¿É que tes demencia senil ou algunha habilidade especial para non saber nada?!

– Non, é que eu son así. É a miña personalidade, ¿que lle imos facer? Ti tamén dis que es un deus da Morte, pero todos te toman por un arlequín; ven sendo o mesmo.

– ¡¡¡Pero eu non son un arlequín; ben sabes que non soporto que digan iso de min!!! ¡Son un deus da Morte, ¿a que si, Zu?! ¡Ti vesme coma un deus da Morte, ¿verdade?!

– Pois... non sei.

– ¡¡¡Xa estamos de novo, Zu!!!

Mentres Cadavron e Zu discutían sobre problemas tan profundos coma estes, Attley estaba nun pequeno xardín que atopara dentro do labirinto. Attley sempre foi unha romántica, a pesar de amosarse coma unha moza dura e con coraxe. Podería dicirse que tiña dúas personalidades dentro dela: unha reflexiva e outra valorosa.

 

– ¿Que fai un xardín no medio deste mar de escuridade? É ridículo. Este lugar debe de estar pensado para volver tola á xente que cae nel ou, cando menos, confundila e deixala morrer asulagada na súa propia agonía. Pregúntome cómo puido aquela esfera transportarme ata este escuro lugar así, de súpeto... É ridículo... Ben, será mellor que me poña en marcha. ¡Teño que atopa-la saída deste lugar e logo reunirme con Selfi para seguir cara a Torre de Tarolisk! ¡Non podo perder máis tempo neste labirinto; imos aló!

 

Dito isto, comezou a correr polo inmenso labirinto sen saber de certo a ónde levaba o camiño, pero coa esperanza suficiente como para conseguir atopar unha saída. Nisto, Attley cruzouse con Cadavron e Zu, que ían camiñando polos corredores do labirinto tentando atopala. Entre que Attley pasou coma un lóstrego e que Cadavron e Zu ían discutindo sobre por qué a xente dicía que Cadavron era un arlequín e non un deus da Morte, pois ningún viu a niguén ata ben pasados cinco segundos, que foi cando Zu se decatou de que alguén pasara correndo diante deles. Cando reaccionou Zu, avisou a Cadavron e foron tras ela a fume de carozo.

– ¡¿E como non me avisaches antes, Zu?!

– ¡Pois porque antes non me decatara!

Atravesando infinidade de corredores Attley atopou un punto de luz entre a escuridade dos negros muros do labirinto e deu en ir cara aló correndo todo o que lle daban as pernas e sen parar para recobrar o alento. Cadavron e Zu seguírona cara ese punto de luz, só que eles ían voando e, por tanto, cada vez estaban máis preto dela.

Ó aproximarse cada vez máis á luz, Attley descubriu que ía cara un inmenso cavorco e puido frear xusto a tempo para non caer ó infinito. Cadavron e Zu viron que Attley parara e deron en acelerar máis para evitar que volvese saír correndo; pero logo descubriron o motivo polo que parara, pero iso foi demasiado tarde e non lles deu tempo a frear, polo que chocaron coas costas de Attley, caendo os tres polo inmenso cavorco cara o infinito; cando, de súpeto, víronse nunha gran sala circular, no medio do labirinto. Ó parecer, a distorsón do espacio que había no lugar fora a causa de que acabaran alí.

Cando acordaron, viron o lugar onde supostamente caeran e cando se viron uns en fronte dos outros, non dubidaron en comezar un duelo.

 

– ¡Por fin demos contigo! ¡Veña, entrégate sen opoñer resistencia! ¡Non nos obrigues a utiliza-la forza!

– Vai por aí, arlequín de pouca monta. ¿Seica non vedes que estades en desvantaxe? Vó-los dous non podedes contra min e a miña Blessire xunto co meu orbe de lume, hahaha... ¡Estades mortos, retirádevos agora que podedes!

Cando Attley mencionou a palabra “arlequín” referíndose a Cadavron, este non o soportou e exclamou en alto:

– ¡¡¡Non o aturo máis!!! Zu, ¡¡¿¿POR QUE TODOS ME CHAMAN ARLEQUÍN??!!

– Pois... non sei.

Attley quedou mirando, un tanto abraiada da humillante reacción de Cadavron. Debían ser xa moitas as veces que o confundían cun arlequín... Cando ían, por fin, librar un combate, un círculo máxico xurdiu dende o teito cara o chan e atrapou ós tres nun branco resplandor que cubriu practicamente todo o labirinto cua súa luz cegadora.

Ó acordar, víronse os tres nun gran deserto todo rodeado de montañas. O sol estaba poñéndose e daba directo cara unha gran parede dun verde escuro que tiña unha parte completamente derrubada. No chan que estaba por debaixo da parte destruída podía verse unha parte do chan regado por un pequeno riacho que saía do interior da parede.

 

– ¡¡¡ATTLEY!!! ¡¡¡Estás viva!!!

A estridente voz de Selfi, seguida dunha mortal abalanza polas costas, era a peculiar maneira que tiña Selfi de saudar a alguén ó que non vía dende algún tempo e como Attley estivera todo o día perdida no labirinto, Selfi a botaba de menos.

 

– Selfi... ¿Onde... estou agora?

– ¡¡¡Estás viva, que sorte!!! ¡Estamos en terras orientais! ¡Conseguín abrir unha brecha na parede da fronteira e, de súpeto, apareciches ti! ¡¡¡Que ben!!! ¿Verdade? ¡¡¡IMOS CHEGAR Á TORRE!!!

 

Despois de que Selfi se quitase de enriba de Attley, Cadavron e Zu mostráronse ante elas e mailo Espírito, que andaba a ollar cara o deserto.

– ¡Cadavron e Zu! ¿Aínda queredes pelexar? ¡¿Que dicides?!

 

– Ehmmm... ¡Volveremos! ¡Isto non quedará así, algún día farémonos co Aurum Henker! Ata entón, ¡que o pasedes ben! ¡Imos, Zu!

Cadavron e Zu fóronse voando de novo cara as Montañas do Norte, deixando a Selfi, Attley e mailo Espírito a mercede do impoñente deserto e co Aurum Henker nas lindas mans de Selfi.

– Ben, pois logo, ¡¡imos aló!! ¡¡¡Cara o deserto e a Torre de Tarolisk!!!

– ¡¡¡SIIIIII!!!

Dicindo isto último, puxéronse en marcha polo deserto sabendo que cada vez estaban máis preto do seu destino: a Torre de Tarolisk.

Pirate ship Galiza.png
bottom of page